A influencia do surrealismo na
literatura latinoamericana está abondo estudada. Nos últimos anos apareceron
diversos libros, estudos e antoloxías sobre poetas surrealistas
latinoamericanos. Unha pequena nómina: Jorge Cáceres, Teófilo Cid, Braulio
Arenas, Enrique Gomez Correa, Ludwig Zeller (chilenos); Aimé Cesaire; César
Moro, Emilio Adolfo Westphalen, Méndez Dorich (peruanos); Francisco Madariaga,
Aldo Pellegrini, Carlos Latorre, Juan A. Vasco, Julio Llinás, Juan José
Ceselli, Enrique Molina (arxentinos); Octavio Paz (mexicano), Sérgio Lima
(Brasil), Magloire Saint-Aude (haitiano), etc. Podiamos engadir máis nomes,
sobre todo nos últimos anos, xa que, como afirmaba o surrealista chileno
Enrique Gómez Correa, nunha entrevista publicada en 1995: «Continúan a existir
poetas surrealistas, mesmo en Chile hai novas xeracións interesadas na
experiencia límite do surrealismo. Mire
vostede, o surrealismo é a liberación extrema. É a revolta permanente. Agora
que caeron todas as utopías, que o home quedou sen misterios, e lembre que o
acto surrealista por excelencia foi desatar a imaxinación, compréndeme vostede?
Alá onde sexa que estea a xermolar un cambio radical, as futuras revolucións,
continuará a ser necesario o surrealismo».
A verdade é que nestes momentos existen diversos
grupos surrealistas en varios países latinoamericanos. Os «estudosos» están a
descubrir o surrealismo latinoamericano, non só a influencia (ou influencias)
do surrealismo en escritores dos países que conforman o subcontinente do sur do
Río Grande. Xa non só se estuda, ou se interesa, polas influencias recibidas, e
asimiladas, do surrealismo en escritores como Alejo Carpentier, Miguel Ángel
Asturias, Julio Cortázar, Rene Depestre, Humberto Díaz Rivas, e tantos outros.
Agora xa se empeza a falar, en verdade e en serio, do surrealismo en
Latinoamérica; ou, se vostede é nacionalista, do surrealismo latinoamericano,
que, supostamente, tería unhas características que o afastaría, en certa
maneira, do surrealismo «europeo». Non imos entrar en discusión: non paga a pena e non se discute con
imbéciles.
Á parte dos nomes citados enriba, hai outros poetas
e escritores que se poden incluír na nómina de surrealistas latinoamericanos. Un deles é o gran poeta venezolano Juan Sánchez Peláez. A este queremos dedicarlle un pequeno dossier.
E queremos dedicarllo
porque, curiosamente, todos aqueles que len en español e son cidadáns, ou
viven, no denominado Estado Español, contan coa súa Obra poética, publicada no 2004 pola colección Poesía, da Editorial Lumen. Obra poética que no seu día
pasou completamente desapercibida.
Non imos, aquí e agora, dar
detalles nin ao por maior nin ao por menor da vida de Sánchez Peláez: o lector
ten a man a wikipedia e sobran comentarios. Aquí, queremos, tan só, reivindicar para o
surrealismo a Sánchez Peláez, que entrou na poesía da man dos homes que
conformaban o grupo surrealista chileno La Mandrágora, do que xa temos falado
netas páxina no traballo titulado La Mandrágora contra Pablo Neruda. A pesar das
reticencias de importantes, e serios, críticos e ensaístas, Sánchez Peláez
pertence ao surrealismo. A súa poesía é unha poesía surrealista, tanto pola,
digamos, temática, como polo atmosfera e pola técnica (sic). E, o que é máis importante, polo que poderiamos
denominar, no bo sentido da expresión, a súa ideoloxía. E non hai máis que ler
os poemas, non moitos, que conforman a súa obra poética, editada en España,
como dixemos, pola Editorial Lumen.
Antes de pasarmos a entregar, traducidos ao galego,
diversos textos de varios críticos latianomericanos, maiormente venezolanos,
sobre Sánchez Peláez, talvez sexan necesarias unhas cantas palabras sobre a
edición española da obra poética do surrealista venezolano.
Este volume, Obra poética,
publicado por Lumen foi argallado polo propio autor, que corrixiu as primeiras
galeradas, infelizmente, antes de que che chegasen as segundas, xa que morreu
en Caracas o 20 de novembro de 2003. A corrección das segundas galeradas correu
a cargo de Ana Nuño, algo coñecida no ambiente literario español por ser
directora durante uns anos da revista de literatura Quimera. Tamén é coñecida, en Cataluña, por ser
unha furibunda antinacionalista: pertenceu ao grupo Babel e, agora mesmo, non
sei por onde anda. Como curiosidade, digamos que preparou a edición española
dun libro de seu pai, Juan Nuño: Sionismo, marxismo,
antisemitismo, no que di cousas importantes mais que no fondo é un
testemuño do seu abandono do marxismo. Neste libriño (polo volume) Juan Nuño
explica claramente como ao xudeu, se non quere ser perseguido, se lle di que
debe deixar de ser xudeu. É o que veñen proclamando os nacionalistas españois
cando falan das «nacionalidades» periféricas: o día que abandonedes os vosos
sinais de identidade, xa non «sufriredes». Pois ben, a Sra. Nuño apúntase ás
teses dos nacionalistas españois á vez que defende as de seu pai cando se trata
dos xudeus. E é que Juan Nuño non era nacionalista mentres que a súa filla é
nacionalista española, de aí que estea contra o nacionalismo catalán. En fin, non queriamos falar deste tema, senón
da Obra poética, da edición española, da obra poética de
Juan Sánchez Peláez.
Como diciamos, este volume que recompila todos os
libros de poemas de Juan Sánchez Peláez foi preparado polo seu autor.
Finalmente, por causas maiores, a edición foi finalizada pola devandita Ana
Nuño, mais sen nunca corrixir, agás grallas e erros, o que deixou preparado o
seu autor. A edición, ademais da poesía completa (sic) de Sánchez Peláez, só trae unha nota do
editor na que se di o que dixemos sobre as galeradas. Na lapela: unha
biografía, sumaria, do poeta. Na contracapa unhas poucas frases sobre a poesía
do venezolano e unha pouca información sobre o volume, que «recolle toda a obra
poética de Juan Sánchez Peláez, un total de sete libros, publicados entre 1951
e 1989, que xunto a uns poucos poemas inéditos, o autor revisou e corrixiu
pouco antes de morrer»; en total, uns douscentos poemas escritos en 81 anos de
vida, xa que Sánchez Peláez nacera en 1922.
En 1969, na venezolana Editorial
Monte Ávila apareceu un pequeno volume, 135 páxinas, co título Un día sea, que xuntaba toda a poesía de Sánchez Peláez
publicada até entón:Elena y los elementos (1951), Animal de costumbre (1959) e Filiación oscura (1969), á vez que se engadía un libro
inédito, Lo huidizo y permanente. Na edición
de Lumen engádense, trinta e cinco anos despois, os libros publicados por
Sánchez Peláez posteriores a 1969: Rasgos comunes (1975),
o seu libro máis «longo», Por cuál causa la nostalgia(1981)
e Aire sobre Aire (1989), ao tempo que se engaden
catro poemas inéditos escritos despois de 1989. Como comprobará o lector,
Sánchez Peláez non era, no que á produción se refire, un Manuel María calquera;
sobre as diferenzas no que respecta á calidade, non fai falta dicir palabra.
Pois ben, ao ser a edición española unha edición
sen notas, nin prólogos, nin avisos, o lector que coñeza por este último volume
(Obra poética) a Sánchez Peláez, non saberá que os dous
primeiros libros, Elena y los elementos e Animal de costumbres, foron fortemente corrixidos polo
autor. Con respecto á edición de
1969, Elena y los elementos contén variantes abondo.
Ora, tamén hai que dicir que ao non coñecermos as primeiras edicións non
sabemos se na edición de Monte Ávila os diferentes libros de Sánchez Peláez
sufriron unha corrección por parte do autor. A raíz do que se escribe na
contracapa desta edición, supomos que si. Velaí o que aparece escrito nesta
contracapa: «No presente volume recolleu [o autor] toda a súa obra poética,
mellor dito, un vasto conxunto de textos esgazados dos seus libros anteriores e
cuxas versións considera definitivas. Elena y los elementos, Animal de costumbre, Filiación oscura e Lo huidizo y permanente, até o de agora inédito». A
primeira radica na ordenación (colocación) dos poemas; variante, porén, que, en
primeira instancia nin prexudica nin beneficia o libro. Ora, existen outras que fan que os poemas de 1969 sexan poemas
diferentes dos que se entregan no 2004. Uns exemplos. O poema «Solo al fondo con furor»
na edición de 1969 está dividido en sete partes (sete poemas case que
autónomos): «I. Solo al fondo con furor…», «II. Arrastrado bajo yunques…»,
«III. Al arrancarme de raíz a la nada…», «IV. Aún la perfección…», «V. Yo
atravesaba las colinas negras…», «VI. Blandiendo un puñal de vidrio entre las
sienes…» e «VII. Cuantas veces ahogado…». Na edición de 2004 desaparecen
completamente os poemas II e VII, mais talvez o poema, en conxunto gañe en
intensidade, se ben son suprimidos dous «poemas» (ou dúas partes») de Solo al fondo con furor, Sánchez Peláez engade dous
novos poemas: Posesión e Adolescencia, que non aparecían en 1969 e sen que,
por outra parte, se indique data da súa composición. E o poema Experiencias menos objectivas, que en 1969 non levaba
dedicatoria, na edición de 2004, edición definitiva, vai dedicado a Henri
Michaux. Polo que dixemos, penso que nos achamos diante un poemario en parte
diferente do publicado en 1951 e recollido na obra completa (sic) de 1969.
Os outros libros do autor no sufriron correccións e
as revisións deberon ser de erros e/ou grallas. Polo que levamos dito e
transcrito, Juan Sánchez Peláez revisaba constantemente os seus versos. Lembremos as palabras que transcribimos da
edición de Monte Ávila: dos libros publicados até 1969, as versión que
aparecían en Un día sea eran consideradas
polo seu autor definitivas. Xa vimos que non.
NOTA
O referido dossier pode ser lido aqui: http://gruposurrealistagalego.blogaliza.org/2016/07/15/juan-sanchez-pelaez-pequeno-dossier-para-uso-de-lectores-galegos-i-por-xesus-gonzalez-gomez/#more-3083.
*****
Organização a cargo de Floriano Martins © 2016 ARC
Edições
Artista convidado: Ramón Chirinos (Venezuela, 1950)
Agradecimentos: Miguel Márquez
Imagens © Acervo Resto do Mundo
Esta edição integra o projeto de séries
especiais da Agulha Revista de Cultura, assim estruturado:
1 PRIMEIRA ANTOLOGIA ARC FASE I (1999-2009)
2 VIAGENS DO SURREALISMO, I
3 O RIO DA MEMÓRIA, I
4 VANGUARDAS NO SÉCULO XX
5 VOZES POÉTICAS
6 PROJETO EDITORIAL BANDA HISPÂNICA
7 VIAGENS DO SURREALISMO, II
8 O RIO DA MEMÓRIA, II
9 SEGUNDA ANTOLOGIA ARC FASE I (1999-2009)
10 AGULHA HISPÂNICA (2010-2011)
A Agulha Revista de Cultura teve
em sua primeira fase a coordenação editorial de Floriano Martins e Claudio
Willer, tendo sido hospedada no portal Jornal de Poesia. No biênio 2010-2011
restringiu seu ambiente ao mundo de língua espanhola, sob o título de Agulha
Hispânica, sob a coordenação editorial apenas de Floriano Martins. Desde 2012
retoma seu projeto original, desta vez sob a coordenação editorial de Floriano
Martins e Márcio Simões.
Visite a nossa loja
Nenhum comentário:
Postar um comentário